Floreano, o embaixador máis auténtico do Albariño Floreano e Punto

Hai unhas semanas saía ó mercado un novo Rías Baixas con selo de artista. E dicímolo porque o novo viño de Adegas Carballal leva a firma dun dos humoristas gráficos por excelencia do panorama galego. Gogue pon imaxe, identidade e etiqueta ó novo albariño Floreano e Punto.  

 Así, degustando un viño de Carballal nunha taberna do Grove, foi como empezou todo. O responsable dese local coñecía casualmente ós adegueiros artífices dese albariño que estaba degustando Gogue. E así foi como o humorista entrou en contacto con Juan Carlos Vázquez, o enólogo da adega e elaborador de Floreano e Punto.   Esta primeira colleita, do 2014, sae ó mercado en edición limitada a catro mil botellas e dúas etiquetas distintas conxugando a aposta polo tradicional que representa a recuperación da maceración, co moderno do novo viño.   Gogue recoñece que saltar ó mundo do viño foi todo un reto, sobre todo co abano de posibilidades que se abre para os seus deseños. E é que o Rías Baixas Floreano e Punto está destinado á exportación. Polo que o entrañable Floreano e a súa noiva tamén viaxarán ás mesas de todo o mundo.   Etiquetas con selo propio, corcho identificativo e caixa a xogo que converten a este albariño case nun obxecto de coleccionista. E as primeiras impresións entre os consumidores está a ser moi positivas.   Floreano e Punto pode atoparse en viñotecas de Galicia e restaurantes tanto da comunidade como de España. As primeiras partidas para o estranxeiro saíron xa cara Estados Unidos, están a piques de enviar máis a Inglaterra e moi pronto agardan seguir conquistando mercados europeos como Dinamarca.  

Noticia completa: http://www.canalriasbaixas.com/index.php/salnes-caldas/item/20168-floreano-o-embaixador-mais-autentico-do-albarino-e-punto